Monday 06 de May de 2024

Feijóo pon de relevo que na Semana Santa de 2015 veu a Galicia un 32% máis de viaxeiros ca na de 2014


En total, chegaron preto de 70.000 visitantes

Tras o primeiro Consello despois de Semana Santa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou os bos datos turísticos. De eles resaltou especialmente o “incremento no número de viaxeiros”, pois nesta Semana Santa chegou a Galicia un 32% máis de viaxeiros ca na pasada, acadando un total de preto de 70.000 persoas.

“Esta Semana Santa cumpríronse dous obxectivos: primeiro, superar as previsións iniciais da propia Xunta de Galicia para a ocupación turística; segundo, exceder amplamente tódolos resultados turísticos da Semana Santa do 2014”, resumiu o presidente. As cifras que trasladou Feijóo recollen unha ocupación media hostaleira do 75%, “superando notablemente as expectativas de partida do 55%”, que foi a cifra que se acadou o ano pasado.

O titular do Executivo autonómico salientou que a maior porcentaxe de ocupación se rexistrou nos establecementos de maior categoría. Así, os hoteis de 4 e 5 estrelas acadaron un 80%; os de 3 estrelas, un 81%; os de 2 estrelas, un 66%, e os do resto de categorías ocuparon o 73% das súas prazas.

A nivel provincial, destaca a grande homoxeneidade: a taxa de ocupación máis alta acadouna a provincia de Ourense, cun 79%; seguida da Coruña, cun 74,9%; Pontevedra, cun 74,4%, e por último, aínda que a pouca distancia, Lugo, cun 73,9% das súas prazas hoteleiras ocupadas.

Feijóo asegurou que os datos son “sen dúbida, moi positivos” e desexou que, “do mesmo xeito que o turismo en 2014 funcionou ben”, en 2015 este sector sexa “un dos piares da recuperación económica no noso país”.